Proxecto MdGa
Benvidos a MdGa

MEMORIADAGALIZA.COM é un espazo creado por Acuarela Comunicación sll para o encontro, intercambio e recoñecemento das vidas, dos feitos e dos saberes das mulleres e homes de Galicia que, na nosa terra e no mundo, construíron e constrúen, a partir do seu traballo manual e intelectual, un legado vital e ético que procuramos recuperar, perpetuar e divulgar para evitar a desertización cultural do verdor humano.

O Proxecto

MEMORIADAGALIZA.COM xurde como extensión natural do traballo do director de cine Xan Leira, por producir, a partir do ano 1994, unha tetraloxía documental sobre a historia social e política de Galicia, baixo a título xenérico de Memoria da Galiza.

O primeiro filme desta serie documental, Castelao e os irmáns da liberdade –tamén a primeira longametraxe documental da cinematografía galega–, manifestou a súa decidida aposta pola coralidade e a diversidade dos testemuños; a incorporación da muller na reconstrución histórica do discurso cinematográfico; a valoración da estética xurdida e expresada nos rostros e nos relatos das persoas maiores; a construción dun tempo narrativo que facilite entrarmos nun tempo, nun espazo, nunha historia e nuns valores humanos democráticos pouco coñecidos ou en vías de desaparición.

O videorexistro comezado no ano de 1994 levounos polos máis diversos países do mundo onde está aLeirada a diáspora galega e froito dese traballo vocacional e teimoso de Xan Leira é o noso enorme fondo documental audiovisual da historia de Galicia e da historia, tamén, dos propios países de acollida na nosa emigración.

Obxectivos do noso Proxecto

Servir de instrumento para a recuperación e a divulgación do patrimonio inmaterial galego e por extensión a dos países de acollida.

Devolverlle á sociedade galega e ás sociedades de acollida a memoria de feitos, costumes, saberes e historias persoais e colectivas que foron quedando no esquecemento.

Construír un espazo de encontro e contacto entre os colectivos cidadáns e as institucións académicas ou universitarias que traballan na recuperación e construción do patrimonio inmaterial.

Transmitirlle ás novas xeracións os valores éticos e democráticos dos que traballaron polo progreso de Galicia, a liberdade e a solidariedade.

Construír un arquivo documental audiovisual multimedia da memoria ao servizo dos cidadáns, dos investigadores, historiadores, ensinantes, xornalistas ou creadores artísticos para servir de fonte documental de estudo ou de inspiración e de coñecemento

Resituar as distintas memorias locais no seu cadro histórico xeral ligando as realidades particulares ás grandes correntes históricas universais nas que se enmarcan.

Recuperar a oralidade como expresión da participación popular na transmisión do coñecemento e na produción de cultura.

Integrar ao noso patrimonio inmaterial o legado cultural dos inmigrantes en Galicia.

Xan Leira

(Buenos Aires, 1955) Entre os anos 1982 e 1990 fai os seus estudos non regrados de cine e produce colectivamente diversos traballos cinematográficos na Arxentina. Por mor dos vaivéns da produción da súa primeira longametraxe de ficción Os Fillos de María, instálase definitivamente en Galicia en 1990 e imparte os seus primeiros obradoiros de escrita de Guión de Cine, nas cidades de Vigo e Santiago, e os seus obradoiros de comunicación audiovisual con colectivos sociais de Vigo. Entre os anos de 1992 e 1999 traballa como maquetista e Coordinador Editorial en Edicións Xerais de Galicia. Para, finalmente, no ano 2000, fundar a súa propia empresa Acuarela Comunicación sll e dedicarse exclusivamente á creación audiovisual e editorial.

Acuarela Comunicación sll

É unha sociedade laboral creada por Diana Reiter e Xan Leira no ano 2000 e ten por obxectivos fundacionais: a produción, edición e distribución de contidos culturais no eido da edición de libros, produción de filmes e distribución de contidos culturais propios ou de terceiros. É un emprendemento que ten por obxectivo estratéxico a construción dun fondo audiovisual dixital de Galicia.

Acuarela Comunicación dedícase, tamén, á prestación de servizos de deseño e maquetación de libros, revistas e publicidade; deseño de proxectos para páxinas web e o aluguer de equipos e instalacións para producións de vídeo. Ten entre os seus clientes habituais á Universidade de Vigo, a Xunta de Galicia, a Televisión de Galicia, Concellos e Deputacións de Galicia.

Acuarela Comunicación sll ten no seu currículo non explícito ser unha empresa audaz e innovadora na creación de formatos, estéticas e na creación de contidos culturais. Da súa traxectoria podemos salientar que foi a primeira e única editorial en editar exclusivamente as súas obras en formato único de libro e dvd; a produción da primeira longametraxe documental da cinematografía galega; e ser a primeira editorial galega en abrir a súa tenda electrónica e por á venda libros e contidos electrónicos.

Nesta mesma liña de audacia e innovación empresarial Acuarela Comunicación ten previsto comezar, no marco do seu décimo aniversario 2000-2010, coa edición ou coedición de libros electrónicos en castelán, portugués, inglés e francés.